sábado, 17 de noviembre de 2007

UNHA PEQUENA PRESENTACIÓN DE RAUCHA (PARA SER ENVIADA A VALNALÓN -COORDINADORA DE EJE-)

Ola! Somos un grupo de vinte estudantes do I.E.S. “David Buján”, de Cambre (A Coruña) que cursamos 3º E.S.O. Participamos no proxecto “Empresa Xoven Europea” e eliximos para a nosa cooperativa o nome de Raucha entre varias propostas que tiñamos. Raucha significa “noite” no latín que utilizaban os “cesteiros de Gallaecia”, un dos vellos oficios tradicionais da nosa terra. Todos os compañeiros/as achegaremos o noso traballo para cumprir con todas as tarefas que Raucha nos vai esixir desenvolver ao longo do curso.

O noso centro está situado en Cambre, un pobo do interior que ocupa unha superficie de 41 km2 e que se atopa situado a 12 km. de A Coruña aproximadamente. A súa poboación ascende a uns 23.000 habitantes e a tendencia é que siga a medrar.

Aquí en Cambre pódese visitar, por exemplo, a fermosa Igrexa románica de Santa María de Cambre do século XIII. Moi perto está o museo arqueolóxico que ofrece ao visitante a posta en valor dos restos romanos descubertos recentemente en Cambre. Ademais é interesante achegarse ata Cecebre para visitar a “Fraga de Cecebre”, un fermoso bosque que constitúe o espazo no que se desenvolve a novela de Wenceslao Fernández Flórez O Bosque Animado”. A partir de esta novela, hai algúns anos foi realizada por José Luis Cuerda unha bonita película protagonizada por Alfredo Landa que tivo bastante éxito. Moi cerca atópase o maravilloso contorno do encoro de Cecebre. Desde este embalse subminístrase auga a varios pobos do arredor e á cidade de A Coruña. Tamén é agradable percorrer o Paseo do Río Mero, que foi rematado este ano e chega ata a entrada da ría del Burgo (a ría de A Coruña, lugar de desembocadura do río Mero).

Na cidade de A Coruña, a tan só 20 minutos de Cambre, pódese disfrutar doutros moitos atractivos. Un dos seus monumentos máis coñecidos é a Torre de Hércules. É unha torre e faro romano construído polos romanos como faro de navegación no século II d.C. Segundo conta a lenda aos pés da Torre está enterrado o xigante Xerión, que despois de loitar contra Hércules e ser derrotado, foi enterrado debaixo da Torre. Actualmente a Torre de Hércules é candidata a converterse en monumento Patrimonio da Humanidade.
A Praza de María Pita, onde está situado o edificio do Concello, pode resultar un bo punto de partida para visitar a cidade, para achegarse despois á parte máis antiga da cidade, pasear despois polo longo Paseo Marítimo e descubrir as bonitas praias do Orzán e Riazor, ou disfrutar dalgúns dos interesantes museos da cidade como a “Casa dos Peixes” (Acuarium) ou o “Museo do Home” (Domus).

Os afeccionados ao teatro ou á música poden disfrutar das numerosas actividades programadas polo Teatro Rosalía de Castro e polo Teatro Colón, polo Palacio da Ópera, onde cada ano se celebra un excelente Festival de Ópera, o “Festival Mozart”; ou polo Coliseum, onde se celebran os concertos que soen atraer a un público máis numeroso.

No hay comentarios: