miércoles, 18 de junio de 2008

RAUCHA ENTREGA UN DONATIVO Á ONG C AMPOS, CAMBRE POBO SOLIDARIO


O mércores 11 de Xuño o representante da ONG CAMPOS, Cambre Pobo Solidario, Rafael Sánchez, visitounos ao noso centro e comentounos cales son as actividades de solidariedade e cooperación que levan a cabo na ONG á que representa. Ao rematar a charla, Simón Castiella Bañales, presidente de Raucha, S.Coop., fixo entrega do donativo en nome de todos os socios e socias.

miércoles, 14 de mayo de 2008

CATÁLOGO DE PRODUTOS RAUCHA

Estes son os produtos do noso catálogo:
1. Galletas Mariñeiras
§
Galletas de alta calidade, elaboradas artesanalmente, sen aditivos nin colorantes, con lecitina de soia que facilita a eliminación de colesterol e mellora o rendemento intelectual. Estas galletas crocantes son moi dixestivas e recomendables para nenos, maiores ou persoas con problemas de acidez de estómago.

§ Ideais para o almorzo (con mel, marmelada, queixo,...), para preparar calquera tipo de canapés ou para picar a calquera hora.

§ Conservación: máis de 5 meses no envase e máis de 1 mes co envase aberto.

§ Tamén chamadas pan mariñeiro, pan de barco ou biscoito de barco, foi a solución para o abastecemento dos grandes buques dende o século XV para conservar o pan, nas longas travesías, sen aditivos nin conservantes. Chegando a América do Sur nas diferentes expedicións mariñas, onde se introduciron na dieta habitual da poboación de moitos países baixo o nome de galletas "mariñeiras".

§ Paquetes de 250 g

§ Prezo: 2 €

§ Referencia: 1

2. Torta de Millo de Guitiriz

§ Produto gastronómico que, xunto coas augas medicinais do seu balneario, deu renome ao pobo de Guitiriz (Lugo).

§ Á súa orixe remóntase a finais do século XIX e dende entón o seu gran éxito fixo que pouco a pouco fose crecendo a súa produción e distribución.

§ Todos repiten cando a proban. Esta exquisita torta elabórase cos seguintes ingredientes: fariña de millo, manteiga, ovos, azucre e limón.

§ Peso: 650 grs.

§ Prezo: 6 €

§ Referencia: 2

3. Torta de Santiago

§ É dos doces máis típicos de toda a repostaría galega, feito dun fabuloso biscoito de améndoas que se presenta baixo a forma da cruz de Santiago.

§ É a sobremesa máis típica de Santiago de Compostela. Hai constancia sobre a elaboración desta torta e o seu consumo en manuscritos que datan do ano 1.577.

§ Peso: 750 grs.

§ Prezo: 6 €

§ Referencia: 3

4. Mel

§ Produto elaborado a partir de flora autóctona e silvestre sen utilización de ningún produto químico. Este mel non foi quentado en ningún momento para preservar mellor todas as súas propiedades.

§ Ideal para acompañar iogur, queixo fresco e infusións.

§ Tamén como ingrediente na elaboración de numerosas sobremesas.

§ Envase de cristal de ½ kg.

§ Prezo: 4 €

§ Referencia: 4

5. Algas: Espaguetis de mar

§ Himanthalia elongata: é unha bela e peculiar alga atlántica en forma de fita. Ten un delicado sabor a mar e as súas fitas son carnosas e tenras. Como a maioría das algas mariñas é rica en proteínas, fibra, vitaminas e minerais.

§ Polo seu sabor, forma e consistencia é unha das algas mariñas que máis aplicacións gastronómicas ten. É excelente por si mesma ao natural, ou aderezada con allos tenros. Pode ser empregada tamén en guarnicións de pratos de peixe ou como un novo e atractivo ingrediente na preparación de sopas e diversos entrantes como rebozados, revolvidos, canapés, etc.

· O produto deshidratado pódese engadir directamente nas augas de cocción ou hidratalo previamente uns 10 minutos en auga cun pouco de sal para que recupere o seu estado natural.

§ En calquera caso o seu tempo de cocción non debe superar os 10 minutos.

§ Peso: 25 gramos. As algas deshidratadas aumentan moito de volume cando se hidratan: 5 g. de alga seca equivale a 50 g. de alga hidratada.

§ Prezo: 2 €

§ Referencia: 5

6. Grelos

§ Todo aquel que teña contacto con Galicia, coñece o espléndido sabor e a peculiar textura desta marabilla gastronómica.

§ Os grelos son os brotes tenros das follas do nabo que aparecen na planta xusto antes da súa floración.

§ Aliado na cociña, brindaranos a súa perfecta compañía en revolvidos, en caldos, en carnes e como non, no cocido ou no máis viaxeiro dos pratos galegos: "O Lacón con Grelos".

§ Preséntase en envase de lata de 410 grs. ou en envase de cristal de 350 grs.

§ Listo sempre na despensa.

§ Referencias: 6-A (envase lata) / 6-B (envase cristal)

§ Prezo: 2 € (envase lata)/ 2,50 € (envase cristal)

7. Colgantes de Sargadelos

§ Orixinais colgantes de Sargadelos realizados en porcelana dura. Os decorados están aplicados baixo cuberta polo que son indelebles a todo tipo de agresión física ou química.

§ O deseño dos decorados responde en gran parte a interpretacións dos diferentes estilos artísticos, cultos e populares, producidos en Galicia ao longo da historia.

§ O complexo industrial de Cerámicas do Castro iniciou as súas actividades en 1949 e as súas instalacións atópanse en O Castro de Samoedo (Sada-A Coruña)

§ Prezo: 9 €

8. Pendentes Trisquel

§ Pendentes feitos en prata con forma de trisquel.

§ Diámetro: 0,9 cm.

§ Símbolo celta con tres espirais en movemento. Representan tres manifestacións de Deus. Na cultura celta, os Druídas eran os únicos que podían portar este símbolo sagrado.

§ Prezo: 8,50 €

§ Referencia: 9

9. Chapas galegas

§ BOINA

§ GRELOS

§ RAPA

§ TOXO POWER

§ PEMENTO

§ ROSALIA

§ FANECA BRAVA

§ FALO

§ Prezo: 1,50 €/unidad

§ Referencia: 10

10. Chaveiros galegos

§ Fabada

§ Pemento

§ Osborne

§ Faneca

§ Percebe

§ Toxo power

§ Rapa

§ Rosalía

§ Prezo: 2,50 €

§ Referencia: 11

martes, 26 de febrero de 2008

miércoles, 19 de diciembre de 2007

A NOSA COOPERATIVA SOCIA

Raucha xa está inscrita no rexistro da coordinadora de "EJE" Valnalón co número 200708543. Tras a inscrición, foinos asignado como centro socio a cooperativa Venta Joven do Colexio "Nuestra Sra. de Guadalupe", de Mérida (Badajoz).
Estes son o seu logo e o seu organigrama:

sábado, 17 de noviembre de 2007

UNHA PEQUENA PRESENTACIÓN DE RAUCHA (PARA SER ENVIADA A VALNALÓN -COORDINADORA DE EJE-)

Ola! Somos un grupo de vinte estudantes do I.E.S. “David Buján”, de Cambre (A Coruña) que cursamos 3º E.S.O. Participamos no proxecto “Empresa Xoven Europea” e eliximos para a nosa cooperativa o nome de Raucha entre varias propostas que tiñamos. Raucha significa “noite” no latín que utilizaban os “cesteiros de Gallaecia”, un dos vellos oficios tradicionais da nosa terra. Todos os compañeiros/as achegaremos o noso traballo para cumprir con todas as tarefas que Raucha nos vai esixir desenvolver ao longo do curso.

O noso centro está situado en Cambre, un pobo do interior que ocupa unha superficie de 41 km2 e que se atopa situado a 12 km. de A Coruña aproximadamente. A súa poboación ascende a uns 23.000 habitantes e a tendencia é que siga a medrar.

Aquí en Cambre pódese visitar, por exemplo, a fermosa Igrexa románica de Santa María de Cambre do século XIII. Moi perto está o museo arqueolóxico que ofrece ao visitante a posta en valor dos restos romanos descubertos recentemente en Cambre. Ademais é interesante achegarse ata Cecebre para visitar a “Fraga de Cecebre”, un fermoso bosque que constitúe o espazo no que se desenvolve a novela de Wenceslao Fernández Flórez O Bosque Animado”. A partir de esta novela, hai algúns anos foi realizada por José Luis Cuerda unha bonita película protagonizada por Alfredo Landa que tivo bastante éxito. Moi cerca atópase o maravilloso contorno do encoro de Cecebre. Desde este embalse subminístrase auga a varios pobos do arredor e á cidade de A Coruña. Tamén é agradable percorrer o Paseo do Río Mero, que foi rematado este ano e chega ata a entrada da ría del Burgo (a ría de A Coruña, lugar de desembocadura do río Mero).

Na cidade de A Coruña, a tan só 20 minutos de Cambre, pódese disfrutar doutros moitos atractivos. Un dos seus monumentos máis coñecidos é a Torre de Hércules. É unha torre e faro romano construído polos romanos como faro de navegación no século II d.C. Segundo conta a lenda aos pés da Torre está enterrado o xigante Xerión, que despois de loitar contra Hércules e ser derrotado, foi enterrado debaixo da Torre. Actualmente a Torre de Hércules é candidata a converterse en monumento Patrimonio da Humanidade.
A Praza de María Pita, onde está situado o edificio do Concello, pode resultar un bo punto de partida para visitar a cidade, para achegarse despois á parte máis antiga da cidade, pasear despois polo longo Paseo Marítimo e descubrir as bonitas praias do Orzán e Riazor, ou disfrutar dalgúns dos interesantes museos da cidade como a “Casa dos Peixes” (Acuarium) ou o “Museo do Home” (Domus).

Os afeccionados ao teatro ou á música poden disfrutar das numerosas actividades programadas polo Teatro Rosalía de Castro e polo Teatro Colón, polo Palacio da Ópera, onde cada ano se celebra un excelente Festival de Ópera, o “Festival Mozart”; ou polo Coliseum, onde se celebran os concertos que soen atraer a un público máis numeroso.

viernes, 16 de noviembre de 2007

ESTES SON OS NOSOS ESTATUTOS

ESTATUTOS DA COOPERATIVA RAUCHA

CAPITULO I

DENOMINACIÓN, DOMICILIO, OBXECTO SOCIAL E DURACIÓN.

Artigo 1.- Denominación e réxime legal.

Coa denominación de RAUCHA constitúese unha Sociedade Cooperativa con personalidade xurídica, organización e administración propias.

Artigo 2.- Domicilio Social.

O domicilio social da cooperativa establécese en Camiño dos Cacharros, 1 (Os Campóns, Sigrás), 15181-CAMBRE. Teléfono: 981 61 31 46. Fax: 981 61 31 73

Artigo 3.- Obxecto social.

A actividade económica que, para o cumprimento do seu obxecto social, desenvolverá a cooperativa é a compra-venda de produtos a nivel interrexional e/ou internacional.

Artigo 4.- Duración.

A sociedade constitúese por tempo limitado: dende Setembro de 2007 a Xuño de 2008.

CAPITULO II

DOS SOCIOS

Artigo 5.- Persoas que poden ser socios.

Poden ser socios traballadores desta cooperativa os alumnos de 3º ESO-A do IES “David Buján de Cambre que participan no proxecto “Empresa Xoven Europea”, sendo en todo caso necesarios un mínimo de 4.

Artigo 6.- Adquisición da condición de socio.

Para adquirir a condición de socio traballador, no momento da constitución da cooperativa, será necesario desembolsar as cantidades establecidas nestes Estatutos.

Artigo 7.- Obrigas dos socios traballadores.

Os socios traballadores están obrigados a:

a) Asistir ás reunións da Asemblea Xeral.

b) Cumprir cos seus deberes.

c) Participar nas actividades que desenvolva a cooperativa, mediante o seu traballo persoal durante as horas e días que “Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras” ten fixados no horario do grupo, ademais das horas e días que fosen precisos para o desenvolvemento de dito proxecto .

d) Gardar segredo sobre aqueles asuntos e datos da cooperativa cuxa divulgación poida prexudicar os intereses sociais.

e) Non realizar actividades competitivas coas actividades empresariais que desenvolva a cooperativa, salvo autorización expresa do Consello Reitor.

f) Aceptar os cargos para os que fosen elixidos, salvo causa de escusa aceptada pola Asemblea Xeral.

g) Efectuar o desembolso das súas achegas ó capital social na forma e prazos previstos.

h) Participar nas actividades de formación.

Artigo 8.- Dereitos dos socios traballadores.

Os socios traballadores teñen dereito a:

a) Ser elector e elixible para os cargos dos órganos sociais.

b) Formular propostas e participar con voz e voto na adopción de acordos pola Asemblea Xeral e demais órganos sociais dos que formen parte.

c) Recibir a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.

d) Prestar o seu traballo persoal na empresa cooperativa.

e) Percibir a parte que corresponda, no seu caso, do excedente neto, e participar no reparto do haber social no momento da disolución da cooperativa.

Artigo 9.- Dereito de información.

a) Todo socio traballador poderá exercitar o dereito de información.

b) Será responsabilidade do Consello Reitor que cada socio traballador reciba unha copia dos Estatutos da cooperativa e das modificacións que se vaian introducindo nos mesmos.

c) Todo socio traballador ten libre acceso ó Libro de Rexistro de socios e Achegas ao Capital Social, así como ó Libro de Actas da Asemblea Xeral no domicilio social da cooperativa.

d) Todo socio traballador poderá solicitar, por escrito, ó Consello Reitor as aclaracións e informes que considere necesarios sobre calquera aspecto da marcha da cooperativa, que deberá ser contestado polo Consello Reitor na primeira Asemblea Xeral que se celebre dende a presentación do escrito.

Artigo 10.- Baixa dos socios.

O socio traballador pode darse de baixa voluntariamente na cooperativa mediante preaviso por escrito ó Consello Reitor.

Á data da baixa, procederase ao reembolso ao socio das súas achegas ó capital social. De non existir liquidez a esa data, o socio terá que esperar á disolución da cooperativa para percibir tal reembolso.

Será causa de baixa obrigatoria do socio, perder a condición de alumno/a do IES “David Buján ou realizar un cambio de grupo incompatible coa participación no proxecto.

A baixa tamén será obrigatoria se o socio fose sancionado coa expulsión da cooperativa por infraccións graves.

Artigo 11.- Faltas.

A tipificación das faltas agrúpase en graves e leves:

Son faltas graves:

a) A falsificación ou uso indebido de documentos, firmas, logotipos, claves ou datos análogos, relevantes para a relación da cooperativa cos seus socios traballadores ou con terceiros.

b) A non participación na actividade mediante o seu traballo persoal.

c) Violar segredos da cooperativa que prexudiquen os intereses da mesma.

d) A usurpación de funcións do Consello Reitor, de calquera dos seus membros, ou da Interventora.

e) O incumprimento das obrigas económicas coa cooperativa.

f) O fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas.

g) As faltas reiteradas de puntualidade non xustificadas.

h) A ocultación de datos relevantes respecto dos útiles, produtos ou servizos necesarios para o desenvolvemento da actividade da cooperativa.

i) A inasistencia inxustificada ás Asembleas Xerais debidamente convocadas.

j) Os malos tratos de palabra ou de obra a outros socios traballadores con ocasión de reunións dos órganos sociais ou con ocasión da realización dos traballos.

k) A falta de disciplina no traballo.

l) O incumprimento das ordes e instrucións do Consello Reitor e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos para a marcha da cooperativa.

m) A desconsideración co público no exercicio do traballo.

n) O incumprimento das normas e medidas de seguridade e hixiene no traballo establecidas, cando do mesmo poidan derivarse riscos para a saúde e a integridade física do socio traballador.

o) A acumulación de cinco faltas leves constituirá tamén falta grave.

Son faltas leves:

a) A incorrección leve co público ou con outros socios traballadores da cooperativa.

b) O atraso, neglixencia ou descoido leve no cumprimento das súas tarefas.

Artigo 12.- Sancións e prescrición.

As sancións que se poderán impoñer ós socios traballadores pola comisión de faltas, serán:

a) Por faltas graves, realización de traballos adicionais, suspensión ó socio traballador dalgúns dos seus dereitos ou expulsión.

b) Polas faltas leves, a sanción poderá ser de amoestación verbal ou por escrito.

Todas as infraccións prescribirán dous meses despois da súa comisión, sen poder ser sancionadas tras este período.

Artigo 13.- Órgano sancionador e procedemento.

A facultade sancionadora, respecto ás infraccións a que se refire o artigo 11 destes Estatutos é competencia do Consello Reitor.

Respecto do procedemento para sancionar as faltas o Consello Reitor é o encargado de incoación do oportuno expediente, así como de acordar a sanción que corresponda, previa audiencia do interesado, quen poderá formular as súas alegacións. O acordo de sanción poderá impugnarse ante a Asemblea Xeral no prazo de tres días dende a súa notificación.

A Asemblea Xeral deberá ratificar a sanción proposta polo Consello Reitor ou propoñer unha alternativa. A Asemblea será asistida polo profesor que dirixe o proxecto, quen actuará como coordinador en todo o proceso, con voz pero sen voto.

CAPITULO III.

ÓRGANOS DA SOCIEDADE:

A Asemblea Xeral.

Artigo 14.- Composición e clases.

a) A Asemblea Xeral, constituída validamente, é a reunión dos socios traballadores para deliberar e tomar acordos, como órgano supremo da expresión da vontade social.

b) Os acordos da Asemblea Xeral, adoptados conforme á Lei e a estes Estatutos, obrigan a todos os socios traballadores, incluso ós que non teñan participado na reunión.

c) As Asembleas Xerais poderán ser ordinarias ou extraordinarias. A Asemblea Xeral reunirase, ao menos, unha vez ao trimestre, en sesión ordinaria, para a súa constitución, para a aprobación do programa de actividades previstas, para tratar do orzamento e da aprobación das contas. As demais reunións terán carácter extraordinario, e poderán ser convocadas a iniciativa do Consello Reitor ou, por un número de membros da Asemblea non inferior ao 40%.

A convocatoria da Asemblea deberá notificarse a cada un dos membros, ao menos, cun día de antelación á data de celebración.

Artigo 15.- Competencias.

Correspóndelle en exclusiva á Asemblea Xeral a adopción dos seguintes acordos:

a) A aprobación do Plan Empresarial da cooperativa.

b) Nomeamento e revogación por votación secreta dos membros do Consello Reitor e do Interventor.

c) Aprobar o orzamento de ingresos e gastos.

d) Coñecer, discutir e aprobar, no seu caso, as propostas do Consello Reitor.

e) Exame da xestión social, aprobación das contas e da distribución de excedentes ou imputación de perdas.

f) O establecemento de novas achegas obrigatorias.

g) Autorizar a venda de bens da cooperativa e tomar diñeiro a préstamo.

h) A modificación dos Estatutos.

Así mesmo poderá debater a Asemblea sobre cantos asuntos sexan de interese para a cooperativa, sempre que consten na Orde do Día.

Artigo 16.- Convocatoria da Asemblea Xeral.

a) A Asemblea Xeral será convocada polo Consello Reitor, que fixará a Orde do Día da convocatoria.

b) A Asemblea Xeral extraordinaria convocarase a iniciativa do Consello Reitor ou a petición dun número non inferior ao 40% dos socios.

c) Non será necesaria a convocatoria sempre que estando presentes ou representados tódolos socios da cooperativa, estes decidan por unanimidade darlle á reunión carácter de Asemblea Xeral Universal.

d) A Asemblea Xeral estará presidida polo Presidente do Consello Reitor.

Artigo 17.- Dereito de voto.

a) Cada socio ten dereito a un voto, agás naqueles casos nos que o acordo verse sobre unha situación de conflito de intereses entre o socio traballador e a cooperativa.

b) O dereito de voto poderá exercitarse por medio doutro socio traballador. En caso de ausencia previsible dalgún socio, este poderá delegar o seu voto noutro socio sempre que así o faga constar nun escrito debidamente asinado no que se sinale a data de validez do mesmo.

Artigo 18.- Adopción de acordos.

a) A Asemblea Xeral adoptará os acordos por máis da metade dos votos validamente expresados, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.

b) Será necesaria a maioría dos dous terzos dos votos presentes para modificar os Estatutos e para esixir novas achegas ó capital social.

Artigo 19.- Acta de Asemblea.

a) A acta da Asemblea, que deberá redactar a Secretaria da mesma, expresará o lugar e a data das deliberacións, o número de socios asistentes, se se celebra en primeira ou en segunda convocatoria e un resume dos asuntos debatidos.

b) A acta da sesión deberá ser aprobada pola Asemblea Xeral ao final da reunión ou na próxima reunión da mesma.

En todo caso, a acta pasarase ó correspondente Libro de Actas da Asemblea Xeral, pola Secretaria da mesma.

Artigo 20.- Impugnación de acordos da Asemblea Xeral.

Os acordos da Asemblea Xeral que sexan contrarios á Lei ou a estes Estatutos, ou que vaian contra os intereses da cooperativa, serán impugnados pola Interventora ou por socios que representen polo menos o 20% do total de votos sociais.

O Consello Reitor.

Artigo 21.- Natureza, composición, elección.

a) O Consello Reitor é o órgano de goberno, xestión e representación da cooperativa, con subxección á Lei, a estes Estatutos e á política xeral fixada pola Asemblea Xeral.

b) Estará formado por tres membros:

1. Presidente: Simón Castiella Bañales

2. Vicepresidente: Diego Ramos Liñares

3. Secretaria: Carolina Rodríguez Canosa

c) O Presidente do Consello Reitor, que o é tamén da cooperativa, ten a representación da sociedade.

d) Os cargos de Presidente, Secretario e Vicepresidente son elixidos por sufraxio universal, directo e secreto pola Asemblea Xeral.

e) A Secretaria actuará con voz pero sen voto, e coidará o arquivo, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da cooperativa, e levará o Libro Rexistro de Socios e o Libro de Actas.

f) Poderán ser cesados cando o acorde así a Asemblea Xeral.

g) Tamén poderán cesar por baixa voluntaria, en cuxo caso deberá celebrarse unha Asemblea Extraordinaria, no prazo dunha semana para proceder á súa substitución.

Artigo 22.- Responsabilidade dos membros do Consello Reitor.

a) Os membros do Consello Reitor actuarán coa dilixencia debida e con lealdade á representación e responsabilidade que posúen.

b) Responderán solidariamente fronte á cooperativa, fronte ós socios e fronte a terceiros do dano causado por actos contrarios á Lei ou a estes Estatutos, ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo.

Artigo 23.- Funcións.

a) Ostentar a representación da cooperativa, convocar e presidir a Asemblea Xeral e executar os acordos da mesma.

b) Dirixir a xestión da cooperativa, velando polo cumprimento do seu obxecto social.

c) Crear os departamentos que considere necesarios.

d) Organizar as actividades da cooperativa.

e) Confeccionar os documentos contables que deben ser aprobados pola Asemblea Xeral con posterioridade.

Do Interventor

Artigo 24.- Nomeamento do Interventor.

O Interventor será un socio/a elixido/a pola Asemblea Xeral, mediante sufraxio universal, directo e secreto, na mesma convocatoria na que se levase a cabo a elección dos membros do Consello Reitor. O cargo será desempeñado ao longo de todo este curso pola candidata elixida por votación Leyla Nerea Louro Longueira.

Artigo 25.- Funcións.

A Interventora deberá comprobar as contas presentadas polo Consello Reitor.

CAPÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO.

Artigo 26.- Responsabilidade.

Os socios traballadores non responderán persoalmente das débedas sociais

Artigo 27.- Capital Social.

a) O Capital Social da Sociedade Cooperativa estará constituído polas achegas de natureza económica realizadas polos socios. Inicialmente constitúese con achegas de 10 € por socio, o que fai un total de 200 €.

b) As achegas acreditaranse mediante títulos nominativos non negociables. Deberá reflectirse en todo caso a parte de capital subscrito e non desembolsado.

c) As achegas realizaranse en moeda de curso legal.

Artigo 28.- Achegas obrigatorias.

a) A achega obrigatoria mínima para ser socio traballador será de 10 € (dez euros) e deberá desembolsarse ao longo do segundo trimestre.

b) A Asemblea Xeral, por acordo adoptado por dous terzos dos votos validamente expresados, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións, poderá esixir novas achegas obrigatorias, fixando a contía, prazos e condicións de desembolso. O socio que tivera desembolsadas achegas voluntarias poderá aplicalas a cubrir, en todo ou en parte, estas novas achegas obrigatorias.

c) O socio que non desembolse as achegas nos prazos previstos incorrerá en morosidade e poderá ser suspendido dos seus dereitos políticos e económicos ata que normalice a súa situación, e se non realiza o desembolso no prazo de dúas semanas dende que fose requirido, poderá ser expulsado.

Artigo 29.- Achegas Voluntarias.

A Asemblea Xeral poderá acordar a admisión de achegas voluntarias ó Capital Social. O acordo establecerá a contía global máxima, e a súa retribución.

Artigo 30.- Financiamentos que non integran o Capital Social.

A cooperativa, previo acordo da Asemblea Xeral, poderá solicitar axudas ou subvencións e/ou solicitar préstamos.

Artigo 31.- Reembolso das achegas.

No caso de baixa do socio traballador, procederase á liquidación das achegas realizadas.

Artigo 32.- Distribución dos excedentes netos.

A Asemblea Xeral, en reunión ordinaria, por máis da metade dos votos, acordará o reparto dos beneficios obtidos.

Artigo 33.- Exercicio económico. As contas.

a) Ao remate do curso 2007-2008 quedará pechado o exercicio económico.

b) Establécese como prazo máximo, ata a última semana lectiva do curso actual para que o Consello Reitor formule todas as contas e realice a proposta de distribución de beneficios ou de imputación de perdas e propoña a liquidación e reparto do haber social.

CAPITULO V

DOS LIBROS DA SOCIEDADE

Artigo 34.- Documentación social e Contabilidade.

A cooperativa levará en orde e ó día, ó menos, os seguintes Libros:

a) Libro de Rexistro de Socios e Achegas ó Capital Social. Nel constará a relación de socios cos seus nomes e apelidos, así como o seu DNI, enderezo e, no seu caso, cargo que ostenten na cooperativa.

b) Libro de Actas da Asemblea Xeral. Recollerá todos os puntos tratados nas súas reunións ordinarias e/ou extraordinarias.

c) Libro de Actas do Consello Reitor. Recollerá os acordos adoptados por este órgano.

d) Libros de Contabilidade, nos que figurarán todos os ingresos e gastos da cooperativa, os resultados e as operacións de liquidación resultado da disolución da cooperativa.

CAPITULO VI

DA DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN

Artigo 35.- Causas de disolución.

A cooperativa disolverase:

a) Por acordo da Asemblea Xeral, adoptado pola maioría de dous tercios dos votos presentes e representados.

b) Por cumprimento do termo fixado nestes estatutos ao finalizar a nosa actividade empresarial.

Artigo 36.- Liquidación.

Cumpridas as formalidades legais sobre disolución da cooperativa, abrirase o período de liquidación.

Artigo 37.- Adxudicación do haber social.

a) Non se poderá adxudicar nin repartir o haber social ata que se satisfixesen integramente as débedas sociais.

b) Satisfeitas as ditas débedas, o remanente do haber social adxudicarase pola seguinte orde:

1. Reintegraráselles ós socios o importe das achegas que efectuasen ó capital social.

2. O sobrante, se o houbese, poñerase a disposición dos socios, de acordo co establecido en Asemblea Xeral constituída ao efecto.